Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño inicia as obras de mellora da accesibilidade nos arredores da sede municipal


A empresa pontesa Construcciones Canosa traballa xa na parte dianteira da Casa do Concello e do seu edificio anexo para reformar a beirarrúa e mellorar o acceso a pé a ambos inmobles. A firma resultou adxudicataria dun contrato co que se lle dará máis ancho á beiravía que discorre paralela á estrada de Ortigueira ao seu paso polo centro urbano, ademais de adaptar a súa comunicación coa escola infantil e a sede municipal. O proxecto, cifrado en algo máis de 36.700 euros, está financiado na súa totalidade con fondos europeos Next Generation canalizados a través dunha convocatoria da Xunta para obras de mellora de accesibilidade en instalacións públicas.

A memoria técnica que xa se está levando á práctica servirá para construír unha nova beirarrúa de 1,80 m de ancho ao longo dos 100 metros comprendidos entre o paso peonil do Casal e a esquina leste do recinto municipal, onde comeza o camiño que rodea os xardíns e tamén o tramo de beirarrúa que prosegue logo até o Centro de Día.

En todo ese trazado reporase o firme enlousado que as escavadoras levantaron esta semana e, de paso, adecentaranse as canalizacións soterradas. Tamén se rebaixará o escalón do paso peonil e nivelaranse os portalóns situados diante da EIM A Rolada, da entrada ao Centro Municipal de Empresas e fronte á fachada do Concello.

As obras virán solucionar os problemas de accesibilidade que presenta a contorna da Casa Consistorial e do edificio anexo, ofrecendo, unha vez estean rematadas, condicións axeitadas para o paso de cadeiras de rodas ou persoas con mobilidade reducida.

O investimento ascende a 36.702,82 euros, impostos incluídos, que se cubrirán ao cento por cento cunha axuda da Xunta de Galicia financiada cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Next Generation.

O Goberno Galego comunicou hai unhas semanas a concesión da subvención solicitada polo Concello a primeiros de agosto -tan só uns días despois da publicación da convocatoria no DOG- con indicación duns prazos de execución moi axustados que obrigaron ao consistorio a acelerar o procedemento de contratación, co obxectivo de que queden listas antes das festas do Nadal.